terça-feira, 19 de junho de 2007

De cómo chegaron as Ciclobibliotecas á fraga

Esta é a historia de tres bicicletas aventureiras, do estado libre de Christiania. Tamén soñaban con ser libres, percorrer camiños e atravesar fronteiras en busca de persoas que as levasen.
Por sorte ou destino, deron cun Carballo con Botas; cando as coñeceu reviráronselle as follas de alegría. O plan era evidente, viaxar xuntos e chegar a cantas persoas puidesen levando contos solidarios.
Foi amor a primeira vista, o Carballo inquedo quixo compartir tal descubrimento no pequeno mundo da fraga. De seguida unha muller con nome de flor ofreceuse a facerlle cóxegas ás bicicletas con pinceis de cores, o músico do bosque quixo subir nunha e moitos animais, en especial un, quedaron mudos co acontecemento e pediron participar na aventura.
As biclicletas decidiron chamarse Ciclobibliotecas, estaban cheas de libros chegados de aquí e de alá. E todos os membros do bestiario da fraga fixeron bolsas e maletas para partir nesta viaxe. O Lobiño Garabelos, a Xacia Loubiñas e Fondiña tirábanlle do mango ao Paraugas dame Augas. "Apura que xa queda pouco para marchar!".
De alí a poucos días tiveron todo preparado, agora andan a pintar camiños nun mapa, buscando persoas que queiran escoitar.
Se ves algunha ciclobiblioteca achégate a ela, chíscalle un ollo e pidelle que por favor te conte un conto. Seguro que ten algún para ti.

segunda-feira, 18 de junho de 2007

longas viaxes en bicicleta